Cando coidamos, cando nos coidan

O proxecto ‘Mulleres que Contan’ continúa co seu ciclo de obradoiros, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural de cada territorio e recollendo as experiencias, lembranzas e reflexións das mulleres de Baroña (Porto do Son), Paradela, Triacastela e Manzaneda arredor dos coidados.

Nos últimos meses, mulleres de Baroña (Porto do Son), Manzaneda, Paradela e Triacastela déronse cita nos obradoiros do proxecto Mulleres que Contan. Guiadas pola directora Hadriana Casla, da asociación GRIGRI, abriron espazos de reflexión arredor do coidado: ese acto tan cotiá como complexo, entendido ao tempo como práctica vital e responsabilidade social e política. Coidamos dos demais… pero que pasa co coidado de nós mesmas? Como facer que todos os membros da familia e da comunidade se responsabilicen dos coidados de maneira equitativa?

Esta etapa do proxecto permitiu que mulleres do rural compartisen experiencias e romperan silencios, poñendo en común vivencias e opinións sobre todo aquilo que lles tocou vivir e incluso soportar. Durante décadas asumiron, case sempre en silencio, o peso de coidar de fillos, maiores ou persoas enfermas. Por iso, falar hoxe de coidados tamén lles permite reivindicar algo que durante anos quedou fóra da conversa: o autocoidado como dereito e como necesidade, así como a necesidade de xerar unha repartición mais igualitaria destas tarefas.  

En Baroña, as participantes lembraron a dureza doutros tempos nos que coidar era unha obriga incuestionable: “antes a muller non podía saír da casa”, “non che preguntaban, tiñas que coidar”. Co paso dos anos, esas imaxes mestúranse con outras de resistencia e cambio. Agora reclaman tempo para elas mesmas, para ler, pasear ou simplemente meditar, defendendo a idea de que coidar debería ser sempre un acto de vontade e non unha imposición. Ao mesmo tempo, coinciden en que as novas xeracións xa viven os coidados dunha maneira diferente, máis compartida e máis consciente.

En Manzaneda, a memoria viaxou polas historias da emigración, do traballo duro e da resiliencia. Alí soaron voces como as de Merche ou Benilde, que se animaron a compartir vivencias tan duras como inspiradoras. Para elas, o autocoidado non é un luxo, senón algo tan simple como poderoso: dar un paseo, conversar ou rir xuntas. Pequenas prácticas que gañaron valor despois dunha vida enteira dedicada a coidar dos demais.

En Paradela, o debate centrouse na importancia de tecer amizades e vínculos como forma de coidado mutuo. As participantes falaron do valor de dispoñer de espazos compartidos, nos que coidarse unhas a outras sen agardar nada a cambio. Reflexionaron tamén sobre a aprendizaxe necesaria para coidarse a unha mesma, recoñecendo que non sempre resulta doado. No caso de Paradela, as mulleres xa dispoñen dunha sólida rede de apoio a través da súa Asociación de Mulleres, que reúne a máis de 200 socias.

En Triacastela, as experiencias foron especialmente intensas. Carmen relatou os 17 anos que dedicou a acompañar ao seu marido con alzhéimer, un exemplo de entrega e de amor que tamén puxo de manifesto a dureza de coidar. Xunto a ela, Agnesa, emigrante italiana que chegou a Galicia polo Camiño, reivindicou a importancia de reservar tempo propio: “hai cousas máis importantes que os cartos”. Entre todas, puxeron enriba da mesa unha idea común: quen coida tamén ten dereito a ser coidada, e que non se trata de sentirse unha carga, senón de asumir que saber pedir axuda e atención tamén forma parte do coidado.

Un proxecto colectivo

Estes obradoiros son só unha parte dun proxecto máis amplo, cuxo obxectivo final é tecer rede e crear comunidade, recoñecendo e poñendo en valor a voz propia das mulleres do rural. En cada encontro, as participantes achegan a súa maneira de entender diferentes aspectos da vida, reivindicando un entendemento e apoio mutuo que noutros espazos non sempre estiveron dispoñibles. Como compartía unha delas: “Falamos de cousas que sempre fixemos, pero ás veces sen ser recoñecidas. Aquí podes dicilo e sabes que todas entendemos”.

Mulleres que Contan crea un espazo seguro para elas, as súas reflexións e o recoñecemento dunhas nas outras. Grazas  Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), promotores da iniciativa en colaboración coa Asociación Cultural Castelo Conta, os obradoiros poden levarse a cabo en diferentes puntos do territorio, dispoñendo de ferramentas e recursos que facilitan a participación e a accesibilidade.

Os catro GDR dos lugares nos que se desenvolven estes grupos de mulleres funcionan como motores do rural, dinamizando o territorio con iniciativas que teñen un impacto real nas comunidades:

  • GDR Sil-Bibei-Navea, presente en concellos ourensáns como Manzaneda, Trives ou Vilariño de Conso, centrado na vertebración social, a preservación do patrimonio e a creación de emprego.
  • GDR Ribeira Sacra-Courel, activo en territorios como Triacastela, Quiroga ou Monforte, que combina a defensa do patrimonio natural e cultural coa loita contra o despoboamento.
  • GDR Miño-Ulla, que abarca concellos como Sarria, Paradela ou Chantada, vinculado ao sector vitivinícola e gandeiro, así como ao valor cultural do Camiño de Santiago.
  • Asociación DELOA, que xestiona estratexias de desenvolvemento no ámbito da Barbanza e do Sar, con especial foco en mulleres, mocidade e sustentabilidade ambiental.

Como resumía unha das participantes: “Cando coidamos, damos; pero cando nos coidan, tamén aprendemos a recibir”. Mulleres que Contan reivindica precisamente isto: aprender a coidar e a ser coidadas, non só a nivel persoal, senón tamén como forma de coidar os espazos, os vínculos e as comunidades nas que vivimos. Porque coidar tamén é construír colectividade, fortalecer redes de solidariedade e escoitar a voz das mulleres do rural galego.

Mulleres que contan é un proxecto de cooperación impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural: Asociación para o Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, Asociación Miño Ulla, GDR Ribeira Sacra-Courel e Asociación Deloa, en colaboración coa Asociación Cultural Castelo Conta, financiado polo FEADER no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027).

Os colaboradores que fixeron posible a décima edición do Castelo Conta
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.