Deleite: o sabor do noso

Deleite é un proxecto colectivo que naceu para darlle valor ao leite galego, garantirlle un futuro ao rural e ofrecer un produto 100% noso. Nesta décima edición do Castelo Conta, a súa colaboración chega a Casa Rodríguez e ás actividades de Xente Miúda, facendo presente no festival un leite que fala de Galicia con calidade e compromiso.

O Castelo Conta medra cada ano grazas a alianzas que teñen moito que ver coa nosa forma de entender a cultura: próxima, feita desde aquí e con vocación de futuro. Deleite representa todo iso.

A marca naceu da man da sociedade Leite Noso, formada por gandeiras e gandeiros galegos que decidiron comercializar o seu produto sen intermediarios, asegurando prezos xustos en orixe e contratos estables. O obxectivo era claro: coidar das explotacións, do emprego no rural e da calidade do leite galego.

Hoxe, Deleite é referencia en Galicia e pioneiro en innovación: foi o primeiro en comercializar leite A2 UHT en España, resultado dun proceso de mellora continua no que o benestar animal e a calidade do produto están sempre no centro.

Nesta décima edición, Deleite acompáñanos con propostas que chegan tanto á veciñanza como aos máis pequenos: estará presente nas actividades de Xente Miúda, repartindo envases individuais de leite, e tamén na Taberna Casa Rodríguez, onde o seu leite formará parte dos cafés, das sobremesas e mesmo dos xeados elaborados con leite A2A2. É unha maneira de sumar á experiencia do festival o sabor dun produto que fala de identidade, territorio e futuro.

Deleite é unha aposta polo rural galego como espazo de modernidade e sostibilidade, un compromiso cos gandeiros e coas súas familias, e unha defensa da cultura como parte esencial da nosa identidade como pobo. Por iso, colabora con festivais, proxectos artísticos e iniciativas que, coma o Castelo Conta, buscan asegurar que as tradicións e a creatividade galega sigan vivas para as xeracións vindeiras.

‘Ao son da nova regueifa’: o futuro dunha tradición
Xa podes descargar a app do Castelo Conta 2025
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.