Así foi a presentación de ‘Mulleres que Contan’ no Castelo Conta 2025

Un proxecto dirixido por Hadriana Casla que recoñece ás mulleres maiores do rural galego como memoria viva e gardiás da cultura.

O pasado xoves 28 de agosto, no marco da décima edición do festival, presentouse o proxecto Mulleres que Contan, dirixido por Hadriana Casla, do colectivo Grigri Projects, e impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural: Asociación para o Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, Asociación Miño Ulla, GDR Ribeira Sacra-Courel e Asociación Deloa.

A iniciativa recolle o legado do documental ‘Mulleres de Castelo’ (2024) e dá un paso máis na defensa do rural e da memoria colectiva. O seu obxectivo é claro: poñer no centro ás mulleres maiores das aldeas galegas, dándolles voz para compartir experiencias, crear rede e fortalecer vínculos comunitarios.

Durante a xornada de presentación en Castelo, participaron catro grupos de mulleres de Baroña, Manzaneda, Triacastela e Paradela, que a través de obradoiros e encontros comezaron a dar forma a un relato colectivo. Este construirase a partir das súas propias gravacións e conversas, amosando a realidade, as memorias e as fortalezas que gardan.

‘Mulleres que Contan’ busca ser unha rede de apoio e conexión entre xeracións e territorios, recoñecendo o papel destas mulleres como creadoras de comunidade e gardiás da identidade do rural galego.

O proxecto está promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural mencionados, en colaboración co Castelo Conta, e financiado polo FEADER no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027).

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.