Improvisación, baile e festa sen descanso. A sexta xornada do Castelo Conta 2025 pasou pola frescura da cativada no obradoiro de regueifas, a estrea da serie Pipo, un vermú de vangarda con sabor e música, os Contos de Castelo e a presentación do documental ‘Ao son da nova regueifa’. O peche puxo o torreiro a tremer cunha foliada interminable.
A regueifa e a foliada pecharon unha xornada de festa no Castelo Conta
A mañá comezou con Xente Miúda, as actividades pensadas para as crianzas do festival. Nesta ocasión, aprenderon a melodía tradicional da regueifa para logo improvisar e crear as súas propias coplas, que remataron cantando todas e todos xuntos. Despois, chegou un dos momentos máis esperados polos máis pequenos: a estrea da serie ‘Pipo’, de Laura e Andrés Mahía. Proxectáronse tres episodios, que fixeron rir e soñar á cativada, e mesmo houbo photocall para completar a experiencia.
Ao mediodía, Casa Rodríguez converteuse de novo no punto de encontro para o Vermú na taberna. As propostas gastronómicas estiveron en mans de Lydia del Olmo, do restaurante Ceibe, que sorprendeu cunha ensaladilla con pilpil de merluza e crocante de bacallau; e de Damián Paris, do restaurante Decanta-T, que preparou un bocata de churrasco con toque picante. Na parte musical, 9Louro puxo frescura e conexión co público cun concerto enérxico e cheo de letras directas que fixo cantar e bailar á xente.
A tarde continuou na Casa do Ferrador cos Contos de Castelo, que nesta ocasión foron guiados por Isa Garrido e Tone Martínez, xiraron arredor das festas máis universais: do Nadal ao Samaín, pasando por vodas e enterros, cada quen compartiu lembranzas e tradicións propias. Ademais, houbo un xogo de cultura popular no que o público competiu por facerse cun viño de Méndez-Rojo. A sesión pechou cun momento moi especial: a primeira actuación do grupo de baile de Castelo, que tras un ano de ensaios debutou no escenario diante da veciñanza.
De seguido, chegou a estrea do documental ‘Ao son da nova regueifa’, unha radiografía desta arte viva, centrada especialmente no papel das regueifeiras actuais. A proxección estivo acompañada pola participación dos directores -Manolo Maseda e Saúl Rivas- e mesmo da veciñanza, que non dubidou en improvisar as súas propias coplas.
Antes de continuar coa programación, a xuventude puxo no centro a tradición da regueifa, demostrando que segue a ser palabra viva e devolvéndolle a esta a súa función de denuncia, humor e rebeldía.
E para rematar, chegou o momento máis agardado: a Gran Foliada do Castelo Conta. O torreiro converteuse nun mar de xente bailando sen descanso xotas, muiñeiras, maneos, pasodobres e mesmo rumbas, nunha festa que se prolongou ata a madrugada. Gaitas, pandeiretas e voces acompañaron a Casa do Ferrador ata o final da xornada, que quedará na memoria por unir xeracións e poñer en valor o que nos fai únicos: a forza da nosa tradición feita festa colectiva.
Xa podes ver as fotos na nosa web!
