Un día para recordar: a ‘Gala dos dez anos’ encheu de emocións Castelo Conta

A sexta xornada do festival foi un percorrido completo: a creatividade dos máis pequenos en Xente Miúda, un vermú na taberna con sabor e música da man de Pava, a presentación do proxecto Mulleres que Contan, uns Contos de Castelo moi especiais e unha noite máxica coa Gala dos Dez Anos.

O día comezou co programa Xente Miúda, onde as crianzas foron protagonistas dun concurso de cociña con receitas tan sorprendentes como pizza, pizza de cabaciño, ensalada de legumes ou pastel de cabaciño. Guiados polas veciñas que aprenderan en Carral o segredo do molete, os nenos e nenas puxéronse coas mans na masa e prepararon pratos cheos de ilusión, que logo foron degustados pola cociñeira Bea Sotelo e por Manu. O equipo de Xalo acadou a vitoria coa súa pizza de base de cabaciño.

Ao mediodía, Casa Rodríguez volveu converterse nun espazo de encontro único. As creacións gastronómicas de Bego Vázquez Gago e Beatriz Sotelo fusionaron tradición e innovación: un pan brioche recheo de tartar de tenreira, castañas e mermelada de pemento; e un bocadillo de pala asada cunha salsa de iogur de leite ecolóxico, lombarda e repolo de Betanzos. Todo isto acompañado pola música de PAVA, coa voz e a complicidade de Lucía Aldao, que fixo da taberna un lugar cheo de identidade, crítica, emoción e rebeldía compartida.

Pola tarde presentouse o proxecto Mulleres que Contan, continuación do documental ‘Mulleres de Castelo’. Dirixido por Hadriana Casla, reuniu mulleres de Baroña, Manzaneda, Triacastela e Paradela para compartir relatos e experiencias que reivindican o seu papel como memoria viva do noso territorio. Esta idea prolongouse nos Contos de Castelo, conducidos por Fede Pérez, onde participantes dos obradoiros falaron de autocoidado e da importancia de atopar espazos seguros de confianza. A actividade contou, como de costume, coa total complicidade da veciñanza.

A xornada culminou coa ‘Gala dos Dez Anos’, un espectáculo pensado para emocionar e celebrar unha década de encontros. Non faltou música en directo, monólogos, humor, karaoke e unha homenaxe á comunidade que fixo posible o festival. Deu comezo co grupo de baile de Castelo no escenario e, entre risas, iniciouse a entrega de premios á veciñanza, verdadeiro motor destes dez anos de festival. Ademais, celebrouse o sorteo da cesta solidaria de Ecos do Sur, cunha manciña inocente que sacou a papeleta premiada. A pesar da chuvia que chegou a caer durante a noite, a gala celebrouse con éxito, co calor da comunidade vencendo ao tempo.

Artistas como Lucía Veiga, David Amor, Fátima Pego, Tito Rober, Paty Lesta, Xabier Veiras ou Fede Pérez puxeron voz e corpo a unha noite chea de risas, recordos e gratitude.

O Castelo Conta celebrou así unha década de vida, recoñecendo ás persoas que lle deron forma e proxectando ilusión cara todo o que aínda está por vir.

Xa podes ver as fotos na nosa galería!

A regueifa e a foliada pecharon unha xornada de festa no Castelo Conta
Oitava xornada no Castelo Conta: perdimos o avión pero collimos a nave máis criminal
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.