Cafés Lúa é un proxecto familiar con máis de 35 anos de traxectoria na elaboración de café artesán e sostible. Nesta décima edición, abastecerán de café a taberna do Castelo Conta, Casa Rodríguez, durante todo o mes de agosto e traerán algunhas sorpresas!
Cafés Lúa: o sabor das cousas feitas con tempo
No Castelo Conta temos a sorte de contar, un ano máis, coa colaboración de Cafés Lúa, unha marca 100% galega con sede en Carballo, que leva máis de tres décadas traballando por ofrecer un café artesán, sostible e de calidade.
A historia de Cafés Lúa comeza hai trinta e cinco anos, da man de Luz e Antonio, dous apaixonados polo café que decidiron poñer en marcha o seu propio proxecto. A súa aposta polo coidado do produto, o trato directo co cliente e a elaboración artesanal foi o que os fixo medrar pouco a pouco, primeiro no mundo da hostalería e, máis recentemente, tamén na venda online.
Hoxe, con Laura e Ana (a segunda xeración da familia) incorporada á empresa, Cafés Lúa continúa evolucionando sen perder a súa esencia. A súa entrada impulsou novas liñas de traballo e unha aposta decidida pola sostibilidade, mantendo o foco na calidade e na atención personalizada.
Entre as súas iniciativas máis destacadas están a reutilización dos sacos de café para crear bolsos artesanais ou a elaboración de xabón a partir dos pousos do café. O seu café está tostado exclusivamente con enerxía renovable, através de pellets de madeira. Ademais, ofrecen cápsulas 100% biodegradables e compostables, cafés ecolóxicos e propostas que van desde o gran de orixe ata blends creados co máximo mimo, sempre buscando que o café chegue no seu punto óptimo de sabor.
Cafés Lúa cre firmemente no poder do café como punto de encontro, como momento compartido. Por iso, esta colaboración co Castelo Conta encaixa á perfección: compartimos valores como a proximidade, o coidado polo territorio, o respecto polos tempos e o amor polo ben feito.
Durante todo o mes de agosto, Cafés Lúa abastecerá a Taberna Casa Rodríguez co seu café, para que cada mañá comece coa súa presenza. Tamén haberá ocasións especiais nas que coñecer un pouco máis da súa filosofía… pero diso falaremos máis adiante.
É un pracer contar con proxectos coma este: enraizados, valentes e cun sabor (e aroma) que deixa pegada.
