A taberna de Castelo estará aberta todo o mes cun horario ampliado e propostas que inclúen música, memoria oral, degustacións e actividades familiares. Un adianto do que será a décima edición do Castelo Conta.
Casa Rodríguez reabre con programación cultural durante todo o mes
Hai lugares que gardan memoria e outros que a fan medrar. A taberna Casa Rodríguez foi durante moitos anos o corazón social de Castelo, o sitio onde as conversas cotiás, as partidas de cartas e os bailes improvisados se mesturaban coa calor do viño e da palabra. Este ano, a taberna reabriu as súas portas con nova vida e moitas ganas de festa, converténdose de novo no epicentro da parroquia.
Durante todo o mes de agosto, Casa Rodríguez permanecerá aberta en horario continuo, de 10.00 a 23.00, e os venres e sábados ata a 01.00, como espazo para compartir, para parar un intre e para deixar que as historias sigan fluíndo arredor dunha mesa. Durante os días do festival terá un horario especial e acollerá as sesións vermú, con petiscos elaborados por cociñeiros galegos convidados. Pero xa antes do festival, a taberna acende motores cunha programación cultural chea de propostas singulares.
A inauguración celebrouse o pasado venres 1 de agosto coa estrea do himno do festival, unha canción escrita Sés sobre Castelo. O domingo 3 de agosto celebrouse a primeira sesión vermú, animada polo Grupo Fuá.
O mércores 6 haberá sardiñada, con reserva previa na propia taberna, e concerto de Lidia India, e o xoves 7 será a quenda dun curso intensivo de canto e pandeireta con Xisco Feijóo, que ocupará toda a xornada.
O venres 8 será unha tarde para toda a familia, coa celebración de Os xogos do Paporrubio e a actuación de Cé Orquestra Pantasma.
A seguinte semana as aldeas de Castelo serán protagonistas dun ciclo de andainas para a recuperación da microtoponimia da parroquia, nun proxecto financiado pola Deputación da Coruña que permitirá ás veciñas e veciños poñer en común os nomes de cada camiño, leira ou prado, para nutrir un gran mapa colectivo do lugar.
O martes 12, pola noite, soará a música de Silvarredonda, e o domingo 17, ás 19.00, a música tradicional volverá con forza grazas ás agrupacións folclóricas Arnela (Carral) e Ancoradoira (Culleredo).
A programación deste primeiro tramo de agosto pecharase o mércores 20 cunha cata vos viños de Vía Romana e a música en directo de Carabela.
Casa Rodríguez será moito máis ca unha taberna este verán: será casa aberta, punto de encontro e escenario de historias cotiás que tamén merecen ser contadas. Un lugar para celebrar o que nos une antes, durante e despois do Castelo Conta.
