O Castaño da Grila

O Castaño da Grila foi durante décadas un lugar envolto en lenda e temor. Dicían que alí habitaba o demo e quen pasaba sentía o corpo cheo de medo. A súa presenza xa non é visible, pero segue moi viva na memoria das veciñas e veciños.

Hai lugares que, sen necesidade de monumentos nin grandes sinais, quedan gravados na memoria colectiva dunha comunidade. Un deles é o Castaño da Grila, unha árbore xa desaparecida pero moi presente no imaxinario das veciñas e veciños da parroquia de Castelo.

Situado nunha corredoira que unía o Monte Xalo coa Folgueira, o Castaño da Grila era algo máis ca unha árbore. Dicían que alí habitaba o demo, e que quen pasaba por diante sentía un medo inexplicable, unha presenza estraña que calaba fondo no corpo. Aínda hoxe, cando se fala del, hai quen baixa o ton da voz, como se esa forza escura puidese seguir escoitando desde o silencio da torada que aínda repousa no chan.

Unha das historias máis lembradas é a da leiteira, que ao pasar recollendo o leite polas aldeas, sentía que algo (ou alguén) lle tiraba pedras desde a árbore. E por moito que intentara convencerse de que era imaxinación, o temor facíalle apurar o paso cada vez que se achegaba ao Castaño.

Outra veciña lembra a dous irmáns, Ricardo e Pepe, que moceaban na parroquia veciña de Carral. Sempre que volvían á casa pasaban por diante do Castaño e, sen saber por que, víanse perseguidos por cans que aparecían e desaparecían segundo o lugar onde estivesen. Uns animais silenciosos, ameazantes, que só os deixaban en paz ao chegar a Folgueira, coma se unha fronteira invisible os protexese.

Historias como estas alimentaron a lenda dun lugar que semella sacado dun conto de medo. Un espazo onde as explicacións racionais quedan curtas e no que a tradición oral fixo medrar o misterio. Porque quizais non era o demo quen vivía no Castaño da Grila… pero o medo, o descoñecido e a forza da imaxinación estaban, sen dúbida, ben presentes.

A natureza e os camiños do Xalo e de Castelo agochan episodios que mesturan realidade e lenda, convertendo lugares humildes en escenarios fascinantes. E aínda que o castaño xa non se alza como antes, segue vivo nas palabras que o recordan.

A Fonte da Cova: aventuras que agora non hai
Casa Rodríguez, a taberna do Castelo Conta, abre de novo as súas portas
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.