A décima edición do festival arrincou cun serán inesquecible: Carlos Núñez inaugurou o Castelo Conta entre emocións, tradición e vangarda, e Peter Sélek fixo do Xalo unha pista de baile.
O Castelo Conta 2025 estreouse ó son da gaita no Monte Xalo
O Castelo Conta 2025 deu o seu pistoletazo de saída onte, 22 de agosto, nun escenario sen precedentes: o Monte Xalo convertido en protagonista, coa natureza como marco perfecto para acoller o primeiro serán desta décima edición.
Os camiños cara o alto, percorridos a pé por moitos asistentes, xa anticipaban a maxia do momento. O solpor bañaba de luz dourada as aldeas, e a chegada ó recinto enchía de orgullo e emoción á veciñanza, que levaba semanas preparando esta cita única.
O concerto inaugural estivo nas mans de Carlos Núñez, quen rompeu o xeo ó son inconfundible da gaita. A súa música, viaxe sonora entre tradición e vangarda, fixo que o público se erguese para bailar con el. Sen saír do monte, levou aos asistentes por lugares de todo o mundo, sen esquecer as nosas tradicionais xotas e muiñeiras. Cun espectáculo participativo e próximo, converteu o monte nun auténtico “lugar máxico”, facendo honra ao nome da súa xira.
Cando a noite xa caía por completo, foi a quenda de Peter Sélek, que transformou o monte nunha pista de baile. A súa sesión, chea de groove, electrónica e enerxía, pechou o primeiro día do festival, marcado polo ritmo e a celebración. Non faltou tampouco a súa chamada á responsabilidade e ao coidado do espazo natural que nos acolle.
Esta primeira xornada foi unha explosión de música, baile e emoción, que marcou con forza o ton do que serán dez días de encontros, humor e celebración.
Xa podes ver as fotos na nosa galería!
