Todo o que debes saber da décima edición do Castelo Conta antes do comezo do festival

O inicio do Castelo Conta está á volta da esquina… literalmente. Mañá comezamos! Dez días de festa, cultura e comunidade para celebrar unha década de edicións. Antes de mergullarnos de cheo, recompilamos toda a información práctica que precisas para gozar ao máximo do festival.

O Castelo Conta 2025 arrinca mañá, venres 22 de agosto, cunha programación especial para conmemorar os dez anos de vida do festival. Hai moita ilusión no aire, pero tamén algúns detalles importantes que cómpre ter en conta antes de subir ao Xalo ou achegarse aos distintos recunchos da parroquia. Aquí tes unha guía rápida con todo o que debes saber:

Os tres primeiros días

Por primeira vez, o festival inaugúrase no Monte Xalo, con tres xornadas cheas de música, humor, gastronomía e actividades para todos os públicos (23 e 24 de agosto). Ao tratarse dun espazo natural, a organización activou protocolos especiais para garantir a súa conservación.

  • Está prohibido fumar no monte, xa que as cabichas poden provocar incendios. Tamén é fundamental recoller os lixos e respectar as zonas comúns.
  • O acceso con bebidas ao monte non está permitido, na zona de lecer teredes servizos de comida e bebida pensados para todas as persoas asistentes.
  • No recinto atoparás dúas áreas diferenciadas: unha zona de concertos e unha zona de lecer, onde estarán situados os postos de comida e bebida (con opcións vexetarianas incluídas), as mesas para xantar e os baños.
  • Non esquezas levar roupa de abrigo: pola noite refresca e pode facer frío.

O acceso a estas xornadas require a pulseira ‘Todo Castelo Conta’, dispoñible en casteloconta.gal, para garantir un festival sostible apoiando o proxecto e seu formato así como o mantemento do monte.

Accesos e aparcadoiros no Monte Xalo

Non está permitido subir en coche ata a parte alta do monte. Habilitarase un aparcadoiro xusto na entrada á pista forestal, desde onde sairán autobuses lanzadeira cun percorrido de apenas 5 minutos.

Tamén se pode acceder camiñando: uns 20 minutos de ruta tranquila ata o recinto principal. Para animar esta opción sostible, as persoas que vaian a pé recibirán un tícket gratuíto de consumición. A experiencia será aínda mellor grazas aos máis de 40 veciños e veciñas voluntarios de Castelo, que acompañarán aos grupos durante a subida. Irán contando historias sobre a súa aldea, explicarán como se xestiona o monte e a importancia de coidalo, facendo da camiñada unha parte especial do festival.

A aplicación oficial do festival

Para non perder detalle, o Castelo Conta conta cunha app oficial (iOS e Android). A través dela poderás consultar a programación en tempo real, acceder a contidos exclusivos, revisar o mapa interactivo cos distintos espazos do festival e recibir notificacións coas últimas novidades.

A programación fixa durante a semana

De luns a venres, a cita repite tres clásicos que xa son parte da identidade do festival:

  • Xente Miúda, actividades para cativos e cativas, de 10:00 a 14:00.
  • Vermús na taberna, encontros de música e gastronomía no corazón social do festival, Casa Rodríguez, de 14:00 a 16:00.
  • Contos de Castelo, relatos compartidos entre veciñanza e artistas, de 18:30 a 20:00.

Entradas dispoñibles

Aínda que moitos espectáculos esgotaron localidades, seguen dispoñibles entradas para algunhas das citas máis destacadas:

  • O día grande do Castelo Conta (sábado 30), con xantar, andaina e cea popular.
  • Somos Criminais e punto final (venres 29).
  • A Gala dos Dez Anos (xoves 28).
  • O concerto de Carlos Núñez (venres 22).

Os horarios da Taberna do Castelo Conta

A taberna, verdadeiro corazón social da parroquia, leva aberta desde o 1 de agosto e, durante os dez días do festival, contará con horarios especiais:

  • Do venres 22 ao domingo 24, abrirá de 9:00 a 22:00.
  • Do luns 25 ao mércores 27 abrirá de 9:00 a 20:00.
  • Do xoves 28 ao sábado 30 abrirá de 9:00 a 22:30.
  • O domingo 31 abrirá de 9:00 a 15:00.

A décima edición do Castelo Conta está a piques de comezar e queremos vivila convosco. Prepara a pulseira, descarga a app e revisa a programación: agárdannos dez días que serán inesquecibles!

Solidariedade e diversidade: Ecos do Sur súmase ao Castelo Conta
O Castelo Conta 2025 estreouse ó son da gaita no Monte Xalo
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.