O festival contará un ano máis con intérpretes de Lingua de Signos nas noites do xoves, venres e sábado, garantindo que todas as persoas poidan gozar da programación.
O Castelo Conta colabora un ano máis coa FAXPG para facer a cultura accesible a persoas xordas
O Castelo Conta reafirma o seu compromiso coa accesibilidade e a inclusión ao colaborar un ano máis coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Durante as noites do xoves, venres e sábado, o festival contará con intérpretes de Lingua de Signos Española (LSE) nos principais espectáculos: a Gala dos Dez anos, ‘Somos Criminais e punto final’ e A Noite do Castelo Conta.
O director do festival, Xosé A. Touriñán, e María Alonso Mesía, presidenta da FAXPG, reuníronse hoxe para facer pública esta colaboración e destacar a importancia de ofrecer cultura, arte e ocio accesibles para todos os públicos.
Ademais, o Castelo Conta ofrecerá entradas con prezo reducido para persoas xordas, e todas as persoas interesadas poden adquirilas a través da FAXPG ou das asociacións da federación.
Con esta iniciativa, o festival reforza a súa aposta por unha programación inclusiva, garantindo que a comedia, a música e as actuacións en directo poidan ser desfrutadas sen barreiras.
