O festival Castelo Conta presenta a programación da súa décima edición con dez días de actividades

Serán máis de dez días de festival e máis de cincuenta propostas e actividades nas distintas aldeas de Castelo. A programación foi presentada por Xosé A. Touriñán, director do festival, no Campo da Capela de San Ramón, en Castelo, acompañado por representantes das institucións e empresas colaboradoras.

  • Celebrarase do 22 ao 31 de agosto con dez días consecutivos de actividade cultural
  • Serán máis de cincuenta propostas entre concertos, gastronomía, comedia, actividades infantís e de recuperación da tradición oral nas distintas aldeas de Castelo.
  • A programación foi presentada por Xosé A. Touriñán, director do festival, no Campo da Capela de San Ramón, en Castelo, acompañado por representantes das institucións e empresas colaboradoras.

 

CASTELO (CULLEREDO), 16 DE XULLO DE 2025

O Castelo Conta celebra este verán o seu décimo aniversario cunha edición especial que se estenderá durante dez días consecutivos, do 22 ao 31 de agosto, coincidindo cos dez anos dun festival único que naceu no rural para celebrar a cultura e o encontro comunitario ao redor da festa.

O acto de presentación contou coa participación de José Ramón Riobóo, alcalde do Concello de Culleredo; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; así como representantes das empresas patrocinadoras Deleite e Estrella Galicia, colaboradoras habituais do festival desde as súas primeiras edicións.

O director do Castelo Conta, Xosé A. Touriñán, agradeceu o apoio institucional e da veciñanza que fixo posible chegar á décima edición dun festival que “sempre quixo tecer redes para que o que sucede en Castelo poida inspirar a outros lugares”. Touriñán destacou que nesta edición “ampliamos a programación a dez días, con máis de 50 actividades e 150 persoas traballando para facelo posible”, e subliñou a aposta pola diversidade, con novidades como a Gala dos Dez Anos, a estrea da canción que Sés dedicará a Castelo ou o incremento das prazas do campamento Xente Miúda.

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, sinalou “o especial cariño” que lle ten ao festival, no que tamén se estreeou como deputada na pasada edición, destacando “o traballo comunitario que se fai desde a organización para poñer en valor a oralidade e a cultura desde o rural”.

O conselleiro de Cultura, José López Campos, quixo agradecer “á veciñanza e á organización pola súa implicación cun proxecto que dignifica as orixes e converte Castelo Conta nun referente cultural”, e comprometeu o apoio da Xunta para que “o festival siga medrando e sumando máis anos de vida”.

Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, destacou que o Castelo Conta “actualiza o sentido da festa popular e a tradición galega, converténdose nun dos festivais culturais máis importantes do país”. Subliñou tamén “o valor simbólico de celebrar parte do festival no Monte Xalo, o punto máis alto da provincia, igual que o Castelo Conta é hoxe unha referencia cultural tamén no máis alto”.

Desde Deleite, o seu representante Pedro González puxo en valor a defensa da cultura e da lingua: “O territorio fala galego e tamén o fan as cousas. É un orgullo para Deleite acompañar o Castelo Conta desde a primeira edición e contribuír a que a cultura no rural siga viva”.
Por último, desde Estrella Galicia, Cristina Canosa reafirmou o seu compromiso co evento: “É unha honra acompañar un festival que aposta pola sostibilidade, polo rural e por unha programación que non só trae grandes nomes ao territorio senón que crea conciencia social e cultural”.

Segundo adiantou Touriñán, a programación desta edición manterá as actividades máis emblemáticas do festival e incorporará novas propostas para celebrar unha edición histórica.

O Día Grande do Castelo Conta celebrarase o sábado 30 de agosto, cunha andaina polas aldeas de Castelo, con pequenos contadas en diferentes paradas, e rematará co xa tradicional espectáculo de monólogos, conducido por Touriñán, e no que participarán David Amor, Lucía Veiga, David Perdomo, Marita Martínez, Quico Cadaval, Oswaldo Digón, Gari Garrido, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Javier Veiga.

Como gran novidade o festival estrea un novo espazo para a primeira fin de semana: o auditorio natural de Monte Xalo, un escenario natural integrado na contorna, no cume do monte, con capacidade para cincocentas persoas, onde actuarán Carlos Núñez, Sés, Alana ou Ortiga, e onde tamén estarán as Tanxugueiras, nunha sesión vermú especial o domingo 24.

A música será un dos piares desta edición, con concertos repartidos en diferentes espazos e horarios, desde sesións vermú ata seráns nas aldeas de Castelo.

Brais Morán e Nasaufunk, Abril, Pava, 9louro, The Rapants protagonizarán os Vermús na Taberna, que contarán coas tapas preparadas en directo polos cociñeiros Jorge Trigo (A Espiga), Nacho Moreira (La Esquina de Valentina), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), Lolo Mosteiro e Paula Martínez (A Artesa da Moza Crecha), Damián Paris (Dekanta’t), Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo (Ceibe), Bea Sotelo, Bego Vázquez (Regueiro da Cova), e Chisco Jiménez (Culuca).

De Vacas, Lisdexia, Monolius DOP, Zënzar ou Gin Toni’s serán algunhas das propostas musicais previstas para as noites do festival, ás que se sumarán desde o mércores outros espectáculos, como unha gran foliada, a estrea do documental ‘Buscando a nova regueifa’, a Gala dos dez anos do Castelo Conta -un espectáculo especial de aniversario que mesturará música, humor e memoria do festival- ou Somos Criminais e punto final, o espectáculo máis exitoso de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

Non faltarán algunhas das actividades habituáis, como os Contos de Castelo, onde a veciñanza maior compartirá historias e lembranzas mantendo o formato próximo e interxeracional, ou Xente Miúda do Castelo Conta, cinco xornadas de actividades dirixidas ás máis pequenas e pequenos

Os distintos espazos do Monte Xalo, Folgueira, Castelo de Abaixo ou Vilaverde converteranse durante dez días en escenarios naturais para a reivindicación da cultura de proximidade. O Castelo Conta aposta por seguir transformando a parroquia de Castelo nun espazo de cultura viva, ocupando aldeas, camiños e espazos comúns, abertos e participativos.

A programación completa está dispoñible na web www.casteloconta.gal e nas redes sociais do festival, onde se compartirán tamén contidos especiais polos dez anos. A entrada para a maioría das actividades é de libre acceso, as entradas para aquelas que o requiran están xa dispoñibles na web do festival.

O Castelo Conta é unha iniciativa de Xosé A. Touriñán e os seus veciños e veciñas de Castelo e conta co apoio do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Deleite e Estrella Galicia.

Antonio Fero, reelixido presidente da Asociación Cultural Castelo Conta
Todo o que debes saber sobre as entradas do Castelo Conta 2025
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.