Esta edición do Castelo Conta ofrece máis de sesenta actividades, a maioría de acceso libre, pero algunhas citas especiais requiren entrada. Neste artigo explicamos cales son, como mercalas e toda a información necesaria sobre o acceso ao Monte Xalo.
Todo o que debes saber sobre as entradas do Castelo Conta 2025
O Castelo Conta celebrarase este ano dunha maneira moi especial para conmemorar os dez anos do festival. Na súa décima edición, a programación é máis ambiciosa que nunca, concentrando máis de sesenta actividades en diferentes espazos e formatos, con artistas, veciñanza e convidados especiais como protagonistas.
Acceso ao Monte Xalo
Durante os tres primeiros días do festival (22, 23 e 24 de agosto), as actividades terán lugar no Monte Xalo. Para acceder ao monte durante estas xornadas, será necesario adquirir a pulseira ‘Todo Castelo Conta’, cuxo prezo é de 10 €, agás para o concerto de Carlos Núñez, onde coa propia entrada será suficiente, e agás para as nenas e nenos de menos de doce anos.
O Monte Xalo é un lugar de gran valor ecolóxico e patrimonial, xestionado polas veciñas e veciños de Castelo a través da Comunidade de Montes Veciñais, que fai unha importante labor desde hai anos para o mantemento e conservación deste espazo natural. É por isto que o festival decide limitar o aforo das actividades desta fin de semana.
Que é a pulseira ‘Todo Castelo Conta’?
Coa intención de seguir facendo un festival comprometido e sostible, nesta edición sae á venda unha pulseira para todas aquelas persoas que queiran contribuir ao traballo que a Asociación Cultural Castelo Conta fai durante todo o ano. Ten un prezo de 10 €, e leva asociadas algunhas vantaxes, entre elas, o acceso ás actividades no monte, un desconto de 0,50 € en calquera consumición durante o festival, ou unha bolsa de tea como agasallo.
Actividades con entrada
Hai cinco actividades que requiren compra de entrada individual:
- Concerto de Carlos Núñez – Lugares Máxicos: o venres 22 de agosto ás 20:30 no Monte Xalo, cun prezo de 23,00 € (non require a pulseira ‘Todo Castelo Conta’).
- A Gala dos Dez Anos: xoves 28 de agosto ás 22:00 na Polideportiva, cun prezo de 10,00 €.
- Somos Criminais e Punto Final: venres 29 de agosto ás 22:00 na Polideportiva, cun prezo de entre 18,00 € e 15,00 €.
- O Día Grande do Castelo Conta: sábado 30 de agosto desde as 14:00, cun prezo de 15 € para participar na andaina.
- A Noite do Castelo Conta: sábado 30 de agosto ás 22:30 na Polideportiva, cun prezo de 20,00 €.
Pódese acceder á compra das entradas a través da nosa web (casteloconta.gal), están á venda en ataquilla.com. Se tes calquera dúbida sobre entradas ou acceso, podes contactar co equipo de Castelo Conta a través de:
- WhatsApp ou teléfono: 689 882 972
- Correo electrónico: ola@casteloconta.gal
