O Monte Xalo érguese silenciosamente sobre a paisaxe coruñesa: dende hai séculos, este cumio granítico é lugar de lendas, natureza e vistas que cortan o alento.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
O Monte Xalo érguese silenciosamente sobre a paisaxe coruñesa: dende hai séculos, este cumio granítico é lugar de lendas, natureza e vistas que cortan o alento.



O Monte Xalo é moito máis ca un relevo xeográfico: é un lugar cheo de identidade e conexión coa terra. Situado entre os concellos de Culleredo, Arteixo e Carral, este monte granítico elévase ata os 514 metros de altitude, dominando a paisaxe e ofrecendo vistas privilexiadas da ría da Coruña e arredores.
O Monte Xalo é un lugar excepcional tanto dende o punto de vista ecolóxico como antropolóxico. A súa vexetación está composta por especies autóctonas da Galicia atlántica: toxeiras, carballos, breixos, e outras frondosas conviven formando un mosaico natural que cambia de cor coas estacións. A presenza de pequenos regatos e fontes dá vida a unha rica fauna local, onde é posible atopar esquíos, aves rapaces e mesmo raposos.
Neste espazo tamén se conservan restos megalíticos, antigos muíños e camiños, así como formas xeolóxicas singulares que deron lugar a mitos e lendas, con referencias a mouras, tesouros e camiños ocultos, convertendo o Xalo nun referente da mitoloxía local e comarcal.
A súa enorme riqueza natural non sería posible sen a implicación das veciñas e veciños da parroquia de Castelo, que senten este monte como propio. O Xalo é, de feito, un dos poucos montes da provincia da Coruña xestionado, en parte, por comunidades de montes como a de Castelo, un exemplo vivo de xestión sostible e comprometida.
A veciñanza levou a cabo tarefas fundamentais de conservación, eliminación de especies invasoras e replantación con frondosas autóctonas, co obxectivo de recuperar a identidade orixinal do monte. Ademais, desenvolven proxectos de educación ambiental, poñendo en valor o coidado dos espazos naturais e asegurando a súa preservación para as futuras xeracións.
Para os veciños e veciñas de Castelo, é un símbolo de pertenza, un espazo para o lecer, a memoria e o encontro coa natureza. Ao longo do ano, é escenario de andainas, actividades comunitarias e momentos compartidos.
Este ano, o Castelo Conta quere homenaxear este vínculo especial. O Xalo terá un papel protagonista: inaugurará o festival, acollendo nas súas terras os tres primeiros días de actividades. Un xeito simbólico e real de recoñecer a importancia deste espazo para a comunidade, e de lembrar que respectar o monte, coidalo e conservalo é tamén unha forma de coidar a nosa orixe e cultura.