As escolas de Castelo

En Castelo houbo dúas escolas: unha para as nenas e outra para os nenos. Espazos que, máis alá das aulas, gardaban xogos, disciplina, aprendizaxes e lembranzas que aínda hoxe viven na memoria da parroquia.

Na parroquia de Castelo, existiron durante anos dúas escolas. Non era pola cantidade de cativos nas aldeas, senón porque, como acontecía noutros moitos lugares, as nenas e os nenos asistían a aulas separadas. Aqueles espazos, que hoxe xa non se empregan como centros educativos, forman parte da memoria viva da parroquia. Aínda hai veciñas e veciños que os recordan con claridade: desde a disposición das aulas, ata o carácter dos mestres e o xeito no que transcorría o día a día.

A escola das nenas

A escola das nenas estaba situada na Peneda, nunha casa coñecida como a Casa de Pose. O edificio tiña dúas plantas: na planta baixa vivía unha familia que máis adiante emigraría a Madrid, e que só regresaba ocasionalmente; no andar superior, desenvolvíanse as clases.

As alumnas accedían á aula por unha escaleira exterior. Ao chegar ao alto, o primeiro que atopaban era un mapa de Galicia, co que lles facían aprender as provincias a través dunha canción. A lembranza dese detalle musical quedou gravada na memoria dunha das antigas alumnas, como tamén a distribución do espazo e a relación entre maiores e pequenas: as maiores axudaban ás máis novas, creando unha dinámica de coidado mutuo.

Cando remataban a etapa na escola da parroquia, facían o exame de ingreso e moitas marchaban internas a centros da Coruña, continuando así os seus estudos lonxe da casa.

Un dos recordos máis curiosos é o do almorzo. Aquel leite que recibían cada día, coñecido entre elas como “leite americano”, era simplemente auga fervida con uns polvos brancos que a tornaban semellante ao leite. Preparábase nunha pota de aluminio e era o pequeno sustento co que moitas empezaban a mañá.

A escola dos nenos

A escola dos nenos leva xa moitos anos abandonada. Do edificio, hoxe só se conservan as paredes e o tellado, pero nas lembranzas dos veciños segue moi presente. Alí tamén vivían os mestres, un matrimonio que dividía as funcións: a muller daba clase ás nenas e o home aos nenos.

Na aula masculina estaban xuntos nenos de todas as idades, desde os cinco ata os quince anos. A mestura tiña as súas vantaxes, pois os maiores ensinábanlles aos pequenos tanto leccións académicas como xogos e trasnadas. A pesar da severidade dos mestres, os cativos non deixaban de ser nenos, e atopaban sempre o xeito de se divertir.

O recreo era un momento esperado, pero tamén estaba regulado. Non se permitía xogar ao fútbol, para evitar que os balonazos rompesen os cristais das ventás. Así que optaban por correr uns detrás doutros ou xogar coas bólas.

O Monte Xalo: Cume de memoria, natureza e identidade
Un Castelo Conta que voa: a noite dos monólogos esgota entradas 
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.