Un Castelo Conta que voa: a noite dos monólogos esgota entradas 

A unha semana da saída á venda de entradas, A Noite do Castelo Conta, protagonizada polos grandes nomes do humor galego, xa colgou o cartel de “completo”.

Apenas unha semana despois da presentación oficial do Castelo Conta 2025, a resposta do público confirma que esta será unha edición histórica. A venda de entradas avanza a un ritmo excelente e a primeira gran confirmación chegou: a Noite do Castelo Conta xa colgou o cartel de “completo”. O espectáculo de monólogos, co que se pechará o Día Grande do festival o sábado 30 de agosto, esgotou as todas as localidades dispoñibles en apenas uns días.

Non é para menos: no escenario reuniranse algunhas das voces máis recoñecidas e queridas do humor galego: Lucía Veiga, David Amor, Quico Cadaval, Pepo Suevos, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Gari Garrido, Oswaldo Digón, David Perdomo e Javier Veiga. Este espectáculo, presentado cada ano por Xosé A. Touriñán, é un dos grandes momentos do festival, agardado ano tras ano polo público.

Mentres tanto, continúa a bo ritmo a venda de entradas para outras actividades destacadas da programación. Aínda están dispoñibles os billetes para o concerto de Carlos Núñez, que chegará ao festival o venres 22 de agosto coa súa xira ‘Lugares Máxicos’; para a ‘A gala dos dez anos’, un espectáculo especial de aniversario que se celebrará o xoves 28; e para a noite de teatro con Somos Criminais e punto final, prevista para o venres 29. O sábado 30 tamén continúa aberta a inscrición para participar na tradicional andaina polas aldeas e nas comidas populares que terán lugar ese mesmo día.

As pulseiras ‘Todo Castelo Conta’, necesarias para acceder aos eventos dos días 23 e 24 de agosto no Monte Xalo, superan xa as 300 unidades vendidas. Tamén avanza con forza a inscrición para o Xente Miúda, pensado para as nenas e nenos. Mesmo duplicando a capacidade con respecto ao ano pasado, as prazas dispoñibles son cada vez menos, confirmando o interese das familias por unha programación que combina tradición, creatividade e respecto polo territorio.

A programación completa e o acceso á venda de entradas para as demais actividades seguen dispoñibles en www.casteloconta.gal. Non quedes sen sitio!

As escolas de Castelo
Xente Miúda: no Castelo Conta hai festa para todos
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.