Dez anos de punk-pop en galego, mesturando festa, crítica social e retranca nunha proposta tan divertida como combativa.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Dez anos de punk-pop en galego, mesturando festa, crítica social e retranca nunha proposta tan divertida como combativa.

Lisdexia naceu en Muros no ano 2015, cando cinco amigos decidiron xuntarse para facer música e pasalo ben, sen imaxinar que rematarían converténdose nun dos grupos que compartirían cartel cos referentes que os fixeron empezar.
Formado por Fran Trillo (voz), Fran Lestón (guitarra), Ángel Lestón (baixo), Chema Caamaño (batería) e Javier Fernández (guitarra), Lisdexia leva unha década explorando os límites do punk-pop en galego, e consolidándose como unha proposta reivindicativa e combativa. O seu son é moi característico e propio, cheo de guitarras ardentes, ritmos frenéticos e letras afiadas que mesturan crítica social, humor, e un punto provocador.
Con traballos como Chejar e encher (2018), Espabila as mamadas (2022) ou o recente Esclavos do baile (2025), teceron a súa traxectoria, na que foron transitando cara un ton máis festivo, sen perder a súa esencia rebelde nin a vontade de incomodar a quen se sinta aludido. Nas súas cancións, falan das contradicións do día a día, das inxustizas e da realidade social, sempre cun toque pícaro e moita retranca.
Actualmente, a banda continúa evolucionando e experimentando novos camiños sonoros, xa que, ainda que se moven na onda do punk-pop e garage, nos últimos temas introducen influencias do rock, funk, cumbia, ou mesmo tradicionais, nunha busca por sorprender e renovarse, sendo capaces de non deixar atrás o seu son particular.
Os seus concertos son dinámicos, próximos e cargados de interacción co público, que acaba convertido en cómplice desa mestura entre festa e protesta. Fan de cada directo unha experiencia que é ao mesmo tempo celebración, catarse e acto de resistencia.
No Castelo Conta, Lisdexia promete unha aparición chea de descontrol, diversión e moito ritmo, onde a música é unha declaración de intencións e serve tanto para bailar como para berrar aquilo que nos remexe por dentro