Un encontro para gozar da música máis honesta e poética coa delicadeza de Abril, maridada coa creatividade gastronómica de Kike Piñeiro, Eloy Cancela, Lolo Mosteiro e Paula Martínez. Un vermú que celebra o sabor e a emoción en estado puro.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Un encontro para gozar da música máis honesta e poética coa delicadeza de Abril, maridada coa creatividade gastronómica de Kike Piñeiro, Eloy Cancela, Lolo Mosteiro e Paula Martínez. Un vermú que celebra o sabor e a emoción en estado puro.

Nos Vermús na Taberna do martes 26 de agosto a música e a gastronomía únense para ofrecer unha experiencia chea de matices, sensibilidade e sabor.
Abril son as voces máis prometedoras da nova escena musical galega. Cun son que bebe da canción de autor, do pop indie e da tradición poética, ofrece un directo íntimo e vibrante, capaz de emocionar desde o primeiro acorde. As súas letras coidadas e as melodías envolventes convértense en relatos cotiáns cheos de beleza e honestidade, nunha proposta que transforma cada canción nun pequeno refuxio para a emoción. No Castelo Conta, a súa sesión vermú será unha oportunidade única para deixar pasar o tempo con calma, cantar, sentir e conectar co público nun ambiente acolledor e máxico.
A parte gastronómica correrá a cargo de dous proxectos que son auténticos embaixadores da cociña galega contemporánea. Por unha banda, A Horta do Obradoiro, o restaurante compostelán onde Kike Piñeiro e Eloy Cancela combinan tradición e visión persoal, sempre cun profundo respecto polo produto galego e de calidade.
Pola outra, A Artesa da Moza Crecha, en Betanzos, liderada por Lolo Mosteiro e Paula Martínez, representa unha cociña contemporánea en constante evolución, cunha aposta firme pola sustentabilidade e os produtos locais e de tempada. A súa proposta destaca polo equilibrio entre innovación e tradición, sempre desde o máximo respecto á orixe.
Ambas as dúas propostas, incluídas como recomendacións na Guía Repsol, contan con diferentes distincións e son referencia na defensa da cociña galega actual.
Este vermú será un convite a vivir a cultura galega desde dous escenarios complementarios: a música íntima e poética de Abril e os sabores sinceros e evolucionados que propoñen A Horta do Obradoiro e A Artesa da Moza Crecha. Un encontro para emocionarse e saborear o verán galego en todo o seu esplendor.