Desde o Barbanza, Monoulious DOP fai da música un xogo divertido mesturando no seu proxecto humor, retranca e identidade para converter cada canción nunha pequena historia compartida.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Desde o Barbanza, Monoulious DOP fai da música un xogo divertido mesturando no seu proxecto humor, retranca e identidade para converter cada canción nunha pequena historia compartida.

Monoulious DOP nace en Ribeira no ano 2012, como un proxecto creado por dous amigos con ganas de xogar coa música e combinala co humor. O que comezou como un experimento en internet, axiña rematou por converterse nun fenómeno en directo, cun público fiel que colleu ao voo a súa filosofía: rirnos de nós mesmos, celebrar o que somos e darlle unha volta á realidade desde o humor.
Ula e Mon (voces), Torroncho (baixo), Pla e Corva (guitarras), Gilino (piano) e Beny (batería), son quenes compoñen o grupo, facéndoo destacar pola súa capacidade para provocar a risa en quen os escoita, convertendo o cotiá en canción, e xogando coa retranca como ferramenta principal. Despois do seu primeiro sinxelo Cansión jallejo americana, no 2012, continuaron na mesma liña con temas como Morrer en Jalisia (2017), Non Volvo a Beber (2018), ou o recente Somos os Mellores (2025).
Musicalmente, non entenden de fronteiras: a súas creacións mesturan estilos, saltando do pop ao rock, do rap ao metal, ou pasando incluso polo funkipop e o disco, creando unha combinación única que conforma unha identidade híbrida e moi persoal. Esa liberdade sonora é, de feito, unha das súas señas de identidade, xunto ao ton próximo e divertido que sempre manteñen.
O seu repertorio é un catálogo vivo de historias contadas sempre cun ton crítico, irónico, onde cada canción é unha pequena historia que nos fai rir, pensar e movernos. As súas letras falan do que somos: festas, lugares, lingua, costumes, e pequenas anécdotas.
Nos seus concertos, Monoulious DOP vai moito máis alá dun directo ao uso: son verdadeiros espectáculos participativos e desenfadados, cheos de interacción co público, improvisación e moita complicidade. A súa participación no Castelo Conta é un convite á diversión no que conseguirán que cada persoa se sinta parte da festa, facéndonos imposible non rir, cantar e recoñecernos nas súas letras