Cando a música urbana máis honesta se encontra coa cociña galega de vangarda, nace un vermú que é celebración, encontro e emoción. Unha oportunidade para vibrar, saborear e gozar da nosa cultura en clave contemporánea.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Cando a música urbana máis honesta se encontra coa cociña galega de vangarda, nace un vermú que é celebración, encontro e emoción. Unha oportunidade para vibrar, saborear e gozar da nosa cultura en clave contemporánea.

Nos Vermús na Taberna do mércores 27 de agosto a música máis nova e a gastronomía máis creativa únense para ofrecer unha experiencia chea de carácter, frescura e identidade.
Na parte musical, 9Louro, o proxecto persoal do muradán Martín Louro, achega un son urbano que respira autenticidade e experimentación. Con só 20 anos, 9Louro xa sorprendeu coa súa proposta e co seu disco Nove Noves (2024), no que conviven o funk brasileiro, o reguetón de vella escola, o trap ou a bachata. As súas letras, abertas e directas, abordan temas como a soidade, o valor da amizade ou o equilibrio mental, convertendo cada canción nunha confesión honesta e actual.
Na cociña, dúas propostas que encarnan a creatividade e o respecto pola raíz galega. Por unha banda, Damián París, ao mando de Decanta-t, reivindica a cociña local con audacia e moito coidado polo produto. Pola outra, o proxecto Ceibe, liderado por Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo, aposta por unha cociña galega libre e innovadora, cun compromiso claro pola sustentabilidade e os produtos de proximidade. A súa visión contemporánea transforma cada prato nun relato que conecta co territorio e coas emocións.
Este vermú será unha ocasión perfecta para saborear creacións que reinterpretan a nosa tradición e deixar que a música máis nova nos emocione e nos faga mover. Un convite a vivir, cantar e compartir, celebrando as mellores expresións da nosa cultura: o prato e a canción.