A última das andainas deste ciclo chega a Castelo de Abaixo e Donepedre, dous núcleos que comparten historia e comunidade, pero tamén centos de nomes espallados pola paisaxe. Esta actividade será o broche de ouro a tres xornadas nas que as persoas que mais tempo levan na parroquia, os gardiáns da memoria, guiarán coas súas lembranzas a elaboración dun mapa popular feito a pé, paso a paso.
Ao longo do camiño, aflorarán palabras esquecidas, nomes que xa case non se usan, pero que seguen a vivir na memoria colectiva. E con cada un deles, unha historia. Estes encontros son unha homenaxe ao territorio, ás xeracións que o habitaron e á importancia de nomear para preservar.
