O sábado é o día grande da festa: xantar, andaina, cea… e a noite de monólogos!

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
O sábado é o día grande da festa: xantar, andaina, cea… e a noite de monólogos!




A xornada máis completa do Castelo Conta chega co día grande, que este ano se celebra o sábado 30 de agosto.
Desde as 14.00, coa gran churrascada da festa, preparada polas veciñas e veciños de Castelo, para compartir en familia ou entre amigos.
Xa a partir das 16.00, coa andaina que ao longo destes dez anos xuntou a milleiros de persoas polos camiños de Castelo. Unha ruta que desta volta comezará en Folgueira e percorrerá a parroquia ata Xalo, Castelo de Abaixo, Donepedre, Xian e Vilaverde. Durante o percorrido, a música da Charanga Mil 9 e Os Viqueiras, as formacións encargadas de animar a xornada e encher de ritmo e enerxía cada paso da andaina.
E durante a ruta, as paradas nas distintas aldeas para desfrutar das contadas de Pepo Suevos, David Amor, Quico Cadaval, Lucía Veiga, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Gari Garrido, Oswaldo Digón, David Perdomo e Javier Veiga. Será a primeira edición na que todas e todos os monologuistas participarán na andaina!
Para repoñer forzas, a partir das 19:30, a gran cea da festa na taberna, para pechar un día especial antes da gran noite de monólogos na polideportiva.
Desde as 13.00 poderedes vir pola polideportiva de Castelo para acreditarvos na andaina e recoller a vosa camiseta. Teremos aberta a barra desde esa hora para unha sesión vermú que se prolongará ata as 15.30.
Ás 14.00 comezaremos a repartir o churrasco, tamén na polideportiva. Se mercastes os vosos tickets a través da nosa web deberedes pasar antes polo punto de acreditación co código QR que recibistes.
Ás 16.00 en punto dará comezo a andaina. Imos procurar non retrasarnos nin un só minuto porque a predición meteorolóxica para última hora da tarde non nos trae moi boas noticias. Camiñaremos polas aldeas de Castelo, nunha ruta duns sete quilómetros.
Ás 19.30 dará comezo a cea, que ubicaremos en Folgueira, diante da taberna Casa Rodríguez. A partir desta hora a meteoroloxía pode complicarse, e o espazo que temos é reducido, así que recomendamos vir canto antes para favorecer a rotación de participantes na cea, e canto antes, poder acceder de novo á polideportiva para a noite de monólogos. Se participades na andaina e preferides levar a cea para a casa, descansar e cambiarvos de roupa, tamén é unha opción.
Durante toda a xornada contaredes con aparcadoiros habilitados e membros do equipo de voluntarias e voluntarios para resolver calquera dúbida.
Para a andaina: paraugas e chuvasqueiro
Por se acaso a chuvia se adiantara, recomendamos levar paraugas, chuvasqueiro e calzado axeitado. Incluso non é mala idea, se queredes quedar toda a xornada, levar no coche máis roupa.
Comprensión cos imprevistos
Agradécemosvos moito que, pola tarde, se temos que axustar algún plan por causa da meteoroloxía, teñades paciencia e sexades comprensivos coa organización. Nesta xornada, a máis intensa de todo o festival, teremos repartidos por Castelo a máis de 150 persoas da organización, que farán todo o posible por axudarvos.
Descargar a nosa aplicación
Calquera cambio de plans comunicarémolo, antes que en ningún outro sitio, a través dunha notificación na nosa aplicación, que podedes descargar para iOS e Android. Recomendámosvos facelo para enterarvos o antes posible.