Historia viva do rock galego: os pioneiros que levan máis de tres décadas facendo vibrar xeracións a través da súa música, actitude e as letras directas que compoñen os seus temas, sen deixar de ser fieis á súa esencia de base.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Historia viva do rock galego: os pioneiros que levan máis de tres décadas facendo vibrar xeracións a través da súa música, actitude e as letras directas que compoñen os seus temas, sen deixar de ser fieis á súa esencia de base.

Zënzar é considerado un dos grupos pioneiros do rock en galego. Nado no ano 1987 en Meirama, (Cerceda), destacou sempre pola súa marcada personalidade a nivel sonoro e estético. Durante máis de trinta anos de actividade desde o seu debut no ano 1988, mantiveron firme a súa aposta pola lingua e cultura propias, converténdose nun símbolo de resistencia e identidade dentro da música do país.
A agrupación, formada por Manolo García (batería), Xosé A. Bocixa (voz), Mario Grela (guitarra e voces), Paco Cerdeira (guitarra e voces) e Laura Romero (baixo), crea sons potentes a través de guitarras afiadas e letras comprometidas, acadando así a creación dun estilo propio que conecta co público desde a honestidade e a forza. As súas cancións falan de inquedanzas sociais, loitas colectivas e tamén da vida cotiá, sempre cun ton directo e sen concesións.
Ao longo da súa extensa traxectoria, publicaron discos fundamentais como Disparados ao Futuro (1997) ou A Tribu (2009), cos que consolidaron un repertorio extenso e de son contundente que xa forma parte da banda sonora do rock galego. O seu tema máis escoitado, Non Chas Quero (2007) suma máis de cen mil escoitas.
Son xa máis de trinta anos enriba dos escenarios, pero Zënzar mantén intacto o seu compromiso, enerxía e paixón pola música en galego. No Castelo Conta, a súa actuación será o momento de volver sentir esa descarga eléctrica tan característica e celebrar, unha vez máis, a potencia do grupo e da súa música, feita desde a terra e para a xente.