Festa e sabor: cando a irreverencia musical se xunta coa cociña de raíz reinterpretada, o resultado é un vermú inesquecible, cheo de enerxía e humor.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Festa e sabor: cando a irreverencia musical se xunta coa cociña de raíz reinterpretada, o resultado é un vermú inesquecible, cheo de enerxía e humor.

Nos Vermús na Taberna do venres a música e a gastronomía alíanse para ofrecer unha experiencia que vai moito máis alá do habitual.
The Rapants é un dos fenómenos máis singulares da escena galega actual, unha banda nacida en Muros no 2018 que converte cada tema nun himno inesperado. Entre o garage-pop, o indie, a verbena e o rock máis clásico, a súa proposta destaca pola frescura, a actitude irreverente e as letras cargadas de ironía e humor costumista.
Xanma (guitarra e voz), Samuel (guitarra e voz), Matías (baixo e teclado) e Xaquín (batería) crearon un universo propio onde as guitarras potentes, as melodías pegadizas e as historias de amor, festas interminables e contradicións da vida cotiá conectan con toda unha xeración. Con discos como O Corasón Como Un After (2023) e La Máquina Del Buen Rollo(2024), confirmaron a súa capacidade para crear auténticos himnos xeracionais que enganchan dende o primeiro acorde.
Nesta sesión vermú, os pratos corren a cargo de Chisco Jiménez, do Culuca, un proxecto gastronómico que aposta pola innovación sen perder a esencia, con pratos que mesturan tradición e modernidade.
Xuntos farán desta sesión vermú unha celebración de música e sabor, un convite a cantar, bailar, rir e saborear a Galicia máis divertida. Un mediodía único para compartir, brindar e vivir ao grande.