Cando a música pop galega máis fresca e rebelde se xunta coa creatividade culinaria de dúas grandes cociñeiras galegas, o resultado é un vermú que sabe a autenticidade e a festa.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Cando a música pop galega máis fresca e rebelde se xunta coa creatividade culinaria de dúas grandes cociñeiras galegas, o resultado é un vermú que sabe a autenticidade e a festa.


Nos Vermús na Taberna do xoves a música e a gastronomía únense para ofrecer unha experiencia intensa, divertida e chea de matices.
PAVA é o proxecto que nace do universo creativo de Lucía Aldao, poeta, compositora e voz principal. No 2021, decide dar o salto á banda, xunto a Analís (batería), David Santos (baixo) e Pablo Silva (guitarra). Cos seus EPs Pava (2021), Pava 2 (2022) e Pava 3 (2024), consolidan un son moi propio onde emoción, sorna, identidade e crítica conviven de maneira natural. Galardoados con recoñecementos como o Segundo Premio NARF (2023) e o Premio Martín Códax na categoría pop e indie (2024), PAVA defende a arte como un espazo libre e comprometido, sempre con honestidade e autenticidade.
Na parte gastronómica desta sesión, un parella excepcional: Bea Sotelo e Bego Vázquez. Bea, primeira da súa familia en dedicarse profesionalmente á cociña, formouse en restaurantes emblemáticos como Casa Marcelo ou Toñi Vicente, e fixo historia liderando A Estación (Cambre), onde acadou unha Estrela Michelin e un Sol Repsol. Hoxe segue transmitindo a súa filosofía desde os fogóns, mantendo viva a conexión co produto fresco e a honestidade no prato.
Ao seu lado, Bego Vázquez, alma do restaurante Regueiro da Cova (Verín), é unha das grandes voces da nova cociña galega, cunha aposta decidida polos sabores locais, a creatividade e o respecto máximo pola temporada e o produto de proximidade.
Este vermú será un convite a celebrar a cultura galega desde dous escenarios complementarios: o da música pop galega feita con emoción e personalidade, e o da cociña que honra a nosa terra e os nosos sabores. Un momento para cantar, probar e celebrar o verán, a música e a gastronomía que nos fan únicos.