Xabier Díaz: cancioneiro Serodio Galego

Unha das grandes voces da música tradicional galega, músico e investigador, é recoñecido pola súa labor de recollida, conservación e interpretación da tradición oral desde unha perspectiva viva.

Luns 25 de agosto|20:30

Xabier Díaz é unha das figuras no panorama musical galego considerado, ademais de artista, un auténtico guardián da memoria da nosa cultura. Músico, investigador e compilador de música tradicional, leva máis de trinta anos en activo, entregado á misión de coidar e revitalizar o noso patrimonio inmaterial. Ao longo da súa carreira, adicouse a recoller cantos, historias e saberes populares que, doutro xeito, poderían desaparecer, transformándoos nun repertorio vivo que segue emocionando hoxe en día.

Formou parte de proxectos tan relevantes como Berrogüeto, aCadaCanto ou Nova Galega de Danza, pero foi cando emprendeu o seu camiño propio xunto ás Adufeiras de Salitre onde consolidou un son inconfundible.

Obras como Noró (2018), The Tambourine Man (2015), As Catedrais Silenciadas (2020) ou Axúdame a Sentir (2024), consolidan a súa figura como referente no compromiso coa música tradicional galega, ofrecendo un son que non busca máis que ser fiel e verdadeiro. Pola súa traxectoria, recibiu recoñecementos tales como o Premio da Academia da Música á Mellor Canción en Galego no ano 2011.

Xabier Díaz entende a tradición como unha herdanza atávica, un legado vivo que conecta xeracións sen interrupción, e define a súa relación coa mesma como un vínculo vivo e en constante transformación. A súa paixón levouno a percorrer parroquias, aldeas e territorios arraianos, traballando durante anos en compañía doutros recolleitores, para rematar publicando a obra Cancioneiro Galego Serodio (1989-2012), a modo de homenaxe ás persoas que foron pezas clave para a transmisión da tradición oral. Trátase dun libro-CD que recolle máis de 600 coplas e 45 rexistros sonoros que son auténticas xoias do noso patrimonio.

No marco dos Contos de Castelo, Xabier Díaz presentará esta obra única, convidándonos a  viaxar pola nosa historia e sentir as raíces desde a emoción e o recordo, a través das cancións que acompañaban, no día a día, aos nosos antepasados. Nesta ocasión, reencontrarémonos con esa Galicia íntima e xenuína que latexa en cada copla para coñecer máis de preto a riqueza da nosa tradición e das persoas que a fixeron posible.

Nacho Moreira e Jorge Trigo + Brais Morán e Nasaufunk
De Vacas
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.