Aida, Olaia e Sabela son as voces que conseguiron mesturar raíz e vangarda nunha proposta pioneira, revolucionando a música do noso país.

Esta é a web da pasada edición do Castelo Conta 2025. Visita a web actual aquí.
Aida, Olaia e Sabela son as voces que conseguiron mesturar raíz e vangarda nunha proposta pioneira, revolucionando a música do noso país.

Tanxugueiras é o proxecto que cambiou para sempre a maneira de entender a música de tradición oral galega. Formado por Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro, este trío de pandereteiras levou a música tradicional galega ás grandes audiencias, demostrando que esta pode traspasar calquera tipo de fronteira.
A súa proposta nace do respecto absoluto pola tradición, pero tamén dunha vontade clara de innovar e explorar novos sons. Nos seus temas tecen melodías tradicionais con modernidade, integrando sons electrónicos e urbanos, sen perder nunca a esencia nin a forza das pandeiretas.
Desde os seus inicios no 2016, as Tanxugueiras amosaron un posicionamento claro e forte con respecto á reivindicación da nosa lingua e cultura e o empoderamento feminino, converténdose desta maneira en referentes para novas artistas e para as mozas e mozos do noso país.
A súa traxectoria conta xa cunha ampla discografía que recibiu diferentes recoñecementos e mencións, e está marcada por unha constante evolución, sempre coa fusión do pasado co presente como sinal de identidade. A súa colaboración con Valeria Castro no tema Hoxe, Mañá e Sempre (con case cinco millóns de escoitas en Spotify) ou o seu éxito viral con Terra (con máis de dezasete millóns de reproduccións), son fitos que amosan a súa capacidade para conectar co público e poñer a música galega no mapa internacional.
Nos seus concertos, a enerxía é contaxiosa: cada actuación é un berro colectivo, unha celebración de identidade e orgullo que vai máis alá da música. A súa participación na sesión vermú do domingo no Castelo Conta, no escenario máis especial do festival, promete ser un momento único para vibrar, cantar e celebrar xuntas, convidando ao público a vivir unha experiencia inesquecible.